Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962.
Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía
galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.
Os seus primeiros anos transcorren na
contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio
Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na
aprendizaxe, na aldea de Ortoá.
En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela
iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai
trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a
ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de
Contos Infantís O Facho.
De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU
no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en
Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración
e logo de corrección de estilo e de edición.
Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en
recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa
Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).
En 1986 foi finalista do premio Losada
Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo
Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio
Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a
súa derradeira obra, Intempériome.
Exerceu un labor pioneiro no mundo da
tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono),
Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque
animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na
tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como
tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua
Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón
Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e,
postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi
membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de
redacción de Viceversa, revista galega de tradución.
Sen abandonar as anteriores ocupacións, en
1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo
e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en
distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade
cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a
Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites
Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.
A súa morte en 2003, cando preparaba con Fernando
Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou
unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e
homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores
(AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en
Lingua Galega (AELG).
Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos
temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse
a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos
espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha
poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social
e precursora da escritura de xénero.
Se queredes saber máis e gozar da súa poesía entrade en O portal da lingua