Nova andaina

Esperamos que este blog sexa do voso agrado e que o disfrutedes.

lunes, 10 de mayo de 2021

Xela Arias

 



Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.

Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.

En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.

De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.

Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).

En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.

Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Sen abandonar as anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.

A súa morte en 2003, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). 

Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.

Se queredes saber máis e gozar da súa poesía entrade en  O portal da lingua

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario