O Equipo de Biblioteca convoca un ano máis o concurso de decoración das portas das aulas coa finalidade de fomentar a creatividade, o traballo en equipo e o espírito lúdico entre o alumnado do centro e facer do corredor de secundaria un espazo acolledor durante as datas do mes de Nadal. 🎄🎅
Participantes:
Poderán participar os catro grupos da ESO coa porta da súa aula de referencia.
Horario:
O alumnado poderá empregar a sesión de titoría para o seu proxecto participativo. Tamén será posible usar os recreos e outros momentos, sempre que algún docente acepte ficar co grupo voluntariamente para manter a orde e a custodia. 🎄
Temática e requisitos:
A decoración deberá xirar arredor do Nadal e o inverno, con calquera perspectiva (cinematográfica, humorística, Nadal moderno, Nadal tradicional, etc.). Por suposto, deberase manter sempre o respecto ás normas de convivencia do centro. O principal requisito será a sustentabilidade. En efecto, a decoración debe ser elaborada esencialmente con material de refugallo: vasos de iogur, botellas de plástico utilizadas, bricks e outros envases, cartón reutilizado, cápsulas de café, etc. 🎁❄️
Data límite:
A montaxe deberá estar rematada ás 13:05 horas do venres 18 de decembro. Despois desa hora e ao longo do luns día 21 o xurado pasara a ver as decoracións e valorará o resultado acadado.
A seguir, comunicarase a porta gañadora, cuxo grupo recibirá un pequeno agasallo para compartir.
Criterios de valoración:
Á parte da sustentabilidade e uso de material reutilizado, terase en conta: a calidade estética e o acabado; a orixinalidade e a creatividade; así como que a participación fose cooperativa/colaborativa.
Agradecemos a vosa colaboración e participación.

No hay comentarios:
Publicar un comentario