O día 4 de novembro, asistimos dende a Biblioteca do CPI de Pontecesures
a unha videoconferencia organizada pola Coordinadora Galega de Equipos de
Normalización Lingüística baixo o título de: "A máquina que constrúe a
mente e a realidade".
O relator foi Xurxo Mariño Alfonso, biólogo e Doutor en Ciencias
Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1998), profesor do
Departamento de Medicina da Universidade da Coruña.
Segundo nos explicou, todo o que somos cada un de nós, o que
percibimos, o noso "eu", as emocións cotiás, todo iso é unha
construción elaborada por unha máquina que levamos dentro do cranio: o
encéfalo. Aí dentro temos miles de millóns de células, as neuronas, que
utilizan a electricidade para comunicarse entre elas e, dese xeito, crear a
mente e a realidade. Intentou responder a varias preguntas que habitualmente
nos formulamos: Como funciona esa máquina da mente? A onde vai o "eu"
cando durmimos? Poden construírse máquinas artificiais que teñan mente?
No hay comentarios:
Publicar un comentario