Nova andaina

Esperamos que este blog sexa do voso agrado e que o disfrutedes.

viernes, 22 de noviembre de 2024

Ulla limpo

A mocidade de Pontecesures reclama un “Ulla limpo”

O 8 de novembro o alumnado de 4º da ESO do CPI de Pontecesures reivindicou un “Ulla limpo” cunha performance polas rúas da vila. As mozas e mozos denunciaron ante a veciñanza a contaminación e outras ameazas que enfronta o río que atravesa o seu municipio. 

Deste xeito, un grupo de estudantes vestidos de azul percorreron o mercadiño, a praza de abastos ou as terrazas representando o Ulla, que era ameazado por outro equipo que personificaba os vertidos industriais e de fuel, o cambio climático, a seca, os plásticos, a chatarra, os pneumáticos ou as cabichas e toalliñas que rematan no río. Por último, un grupo de manifestantes denunciaba estas agresións, ante a sorpresa e o apoio das e dos transeúntes.

Todas estas ameazas foron identificadas polo alumnado durante o obradoiro de comunicación de guerrilla que durante tres xornadas se desenvolveu n abiblioteca do centro educativo. A rapazada tamén ideou a propia acción de rúa, coa finalidade de sensibilizar ás veciñas e veciños para evitar que o lixo e a contaminación poñan en perigo o ecosistema fluvial. De feito, ademais de percorrer as rúas lanzando esta mensaxe, empregaron plásticos recollidos no seu día a día para escribir na beirarrúa o lema “Ulla limpo”.

A comunicación de guerrilla é unha técnica que busca xerar impacto e conciencia social, utilizando o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía. Neste caso, ademais de aprender as peculiaridades desta metodoloxía, traballouse sobre a auga como un dereito humano fundamental e sobre a crise climática global. A actividade, dinamizada pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), encádrase no proxecto europeo People & Planet, impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, asociación da que o Concello de Pontecesures forma parte activa. 

Ulla limpo




#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que culminará nos próximos meses despois de catro anos de andaina, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 17 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario